A Comisión Europea publicou a súa Estratexia de Código Aberto da UE, un documento que sitúa o software libre no centro da independencia tecnolóxica europea. O obxectivo é claro: reducir a dependencia de solucións propietarias de fóra da UE e construír unha infraestrutura dixital propia, segura e sostible.

Por que é importante isto?
Europa depende en gran medida de tecnoloxías e plataformas desenvolvidas fóra das súas fronteiras. O software libre ofrece unha alternativa: permite controlar a infraestrutura crítica, fomenta a transparencia e garante que o valor económico xerado polos proxectos europeos quede en Europa. A estratexia forma parte dun paquete máis amplo de soberanía dixital que inclúe iniciativas como a Lei de Chips 2.0 ou a Lei de Desenvolvemento de IA e Cloud.
Quen se beneficia?
A estratexia pensa en todos os axentes do ecosistema dixital:
- Administracións públicas: máis opcións, maior control sobre os seus sistemas, mellor interoperabilidade e menos dependencia de provedores únicos.
- Empresas e pemes: acceso a ecosistemas de innovación compartida con menos barreiras de entrada.
- Cidadanía: servizos dixitais máis transparentes, seguros e aliñados cos valores europeos.
- Desenvolvedores e innovadores: colaboración en comunidades abertas e internacionais.
Cales son os retos actuais?
Malia o seu potencial, o ecosistema europeo de código aberto arrastra problemas estruturais: financiamento limitado a longo prazo, dificultades para manter e escalar proxectos, e barreiras para chegar ao mercado industrial. Ademais, os proxectos europeos teñen pouca visibilidade, acceso restrinxido á contratación pública e moita dependencia de grandes provedores tecnolóxicos non europeos. En moitos casos, o valor económico que xera o software libre europeo acaba sendo captado fóra da UE.
Que propón a estratexia?
A UE adopta un enfoque de ciclo de vida completo: desde a investigación e o desenvolvemento ata o mantemento a longo prazo. Os catro grandes obxectivos son:
1. Soberanía tecnolóxica mediante o código aberto
- Desenvolver o Open Internet Stack, un catálogo de solucións libres aliñadas coas prioridades europeas: ferramentas de oficina na nube, correo seguro, redes sociais descentralizadas…
- Promover o uso de software libre no Cartafol de Identidade Dixital Europea (EUDI Wallet) e no Cartafol Empresarial Europeo.
- Priorizar o financiamento de código aberto en áreas clave: semiconductores, sistemas operativos, intelixencia artificial, ciberseguridade e internet do futuro.
2. Un ecosistema de código aberto vibrante
- Apoiar startups con aceleradoras, axuda legal e formación.
- Crear un Instrumento de Mantemento de Código Aberto para garantir a seguridade e sostibilidade dos compoñentes críticos.
- Mapear as dependencias críticas e crear capacidades para evitar interrupcións.
- Investir en formación: desde escolas e universidades ata funcionarios públicos, incluíndo mobilidade de colaboradores a través do programa Erasmus+ 2027.
3. Código aberto nas administracións públicas
- Desenvolver guías de contratación que favorezan estándares abertos e valoren de forma xusta as ofertas de software libre.
- Reforzar a Oficina de Programas de Código Aberto (OSPO) da Comisión e a súa rede no sector público europeo.
- Establecer liñas base de seguridade comúns para os repositorios institucionais.
- Incorporar os principios de apertura e soberanía nas decisións de investimento dixital.
4. Estándares e proxección internacional
- Promover os desenvolvedores e solucións europeas de código aberto no exterior a través da EU Tech Business Offer.
- Integrar as comunidades de código aberto nos procesos de estandarización europeos.
- Exportar ferramentas europeas —Open Internet Stack, IA, identidade dixital— a países socios.
Que está xa en marcha?
A UE non parte de cero. Varios programas xa contribúen ao ecosistema:
- Next Generation Internet (NGI): apoio a tecnoloxías de internet abertas e centradas nas persoas usuarias.
- Programa SIMPL: capa de software intermedia aberta para espazos europeos de datos.
- GenAI4EU: desenvolvemento e adopción de solucións de IA abertas e fiables.
- Chips Joint Undertaking: hardware aberto baseado en RISC-V e aplicacións industriais.
- Apply AI Strategy: caixa de ferramentas de IA de código aberto para o sector público.
- Estratexia de Software Libre das Institucións da UE: fomenta o uso, compartición e contribución ao código aberto dentro das propias institucións europeas.
Ademais, a Lei de Ciberresiliencia (Cyber Resilience Act) contempla un tratamento específico para o software libre, recoñecendo o seu papel central no ecosistema dixital.
Fonte: EU Open Source Strategy — Comisión Europea
