A comunidade de software libre segue a apostar pola educación tecnolóxica de base. O vindeiro sábado 11 de xullo de 2026, de 11:00 a 13:30 horas, celébrase en Vigo o obradoiro Open:bit, unha proposta práctica e participativa para iniciarse na programación e na robótica usando ferramentas de código aberto.

Que é o obradoiro?
Open:bit está deseñado para que calquera persoa, sen coñecementos previos, aprenda a programar a BBC micro:bit: unha pequena placa electrónica de 4×5 cm que, tanto no hardware como no software, é de código aberto. A través do entorno de programación por bloques MicroBlocks —tamén libre e gratuíto—, as participantes poderán crear os seus primeiros proxectos interactivos e dar os primeiros pasos en robótica, traballando con robots con rodas do modelo Maqueen.
A idea central é aprender facendo: programar, probar e ver como o código cobra vida no mundo real, dun xeito lúdico e accesible para todos.
A quen vai dirixido?
Aínda que a proposta está especialmente orientada á rapazada, o obradoiro está aberto a mozos e a maiores sen restrición de idade. Os menores de 14 anos deben acudir acompañados dunha persoa adulta (ou irmán/á de 14 ou máis anos). Os menores de 9 anos deben permanecer co seu acompañante durante todo o obradoiro.
As organizadoras habilitan espazo con conexión a internet para que os adultos poidan traballar ou ler tranquilamente mentres agardan.
Que necesitas levar?
Só un portátil con polo menos un conector USB libre. O resto —placas micro:bit, robots con rodas e demais material— pono a organización. MicroBlocks funciona directamente no navegador Chrome ou Edge sen instalar nada, aínda que tamén está dispoñible como aplicación para Windows, macOS, Linux e Chromebook.
Onde e como apuntarse?
O obradoiro terá lugar en A Industriosa, situada en Gregorio Espino 38, entresollado 3, 36205 Vigo. É necesario inscribirse con antelación por mor do aforo limitado da sala. Podedes facelo a través do portal galpon.org.
Os dispositivos micro:bit utilizados no obradoiro foron adquiridos co patrocinio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), no marco do Plan de acción en materia de Software Libre da Estratexia Galicia Dixital 2030. Un exemplo de como os recursos públicos poden impulsar a alfabetización tecnolóxica libre e aberta.
Fonte: galpon.org
