LibreOffice súmase á lista de suites ofimáticas que permiten controlar unha presentación desde o móbil grazas a unha nova extensión para Impress. O seu creador, Bora Yarkın, desenvolveuna para cubrir un oco que levaba tempo baleiro: a vella aplicación Impress Remote de LibreOffice estaba abandonada e xa case non funcionaba nos dispositivos actuais.

Como funciona
A idea é sinxela e pensada para non complicar a vida a ninguén. Ao abrir o control remoto desde o menú “Presentación” da barra superior de LibreOffice (ou desde a pestana “Extensións” se se usa a interface con pestanas), o programa mostra un código QR na pantalla. Abonda con escanealo co teléfono móbil —sen instalar ningunha aplicación nin introducir códigos de emparellamento— para que a presentación arranque desde a primeira diapositiva. A partir de aí, o móbil convértese no mando: amosa a diapositiva actual, as notas do presentador, o tempo transcorrido e os controis para avanzar ou retroceder.
Para conectar o teléfono co ordenador, a extensión ofrece varias vías:
- Rede local (IPv4): o modo principal e o máis probado até o momento, cando ambos dispositivos comparten a mesma rede.
- IPv6 directo: aínda experimental, pendente de máis probas en distintas redes.
- Servidor de retransmisión: un pequeno servizo en Python (para Linux ou Windows) útil cando o móbil e o ordenador están en redes diferentes ou hai cortalumes e NAT polo medio. Tamén admite varias conexións á vez, polo que unha organización podería aloxar o seu propio servidor.
- LocalTunnel: unha opción experimental de último recurso, a través dun servizo externo, para cando ningunha das outras alternativas funciona.
A extensión instálase descargando o ficheiro .oxt desde o sitio de Extensións de LibreOffice ou desde GitHub, e ábrese directamente con LibreOffice (ou mediante Ferramentas > Extensións). Ademais, xa conta con traducións a máis de 100 idiomas, aínda que o autor recoñece que só revisou persoalmente o inglés e o turco, e pide axuda a falantes nativos para pulir o resto, xa que boa parte se xerou con ChatGPT.
Por que a creou
Bora Yarkın explica que a inspiración lle veu de Apple Keynote, onde o iPhone permite controlar a presentación e ver as notas do presentador á vez, algo que lle cambiou por completo o xeito de preparar as súas charlas: diapositivas máis limpas e as notas funcionando case como un teleprómpter. Malia gustarlle esa función, nunca se sentiu cómodo coa interface de Keynote, e a chegada de funcións de pago en Apple foi o empurrón definitivo para buscar alternativas.
Probou varias opcións antes de decidirse por LibreOffice: as plataformas de presentacións web non lle convencían por depender dun servizo en liña, Microsoft Office quedou descartado pola aposta crecente por Copilot, e OnlyOffice, aínda que válido, presentáballe erros e carecía de funcións que necesitaba. Finalmente, LibreOffice resultou ser a suite máis completa das que probou… só que lle faltaba xustamente esa experiencia de control remoto á que se afeccionara con Keynote. Por iso decidiu construíla el mesmo.
O máis curioso é que Yarkın non se considera un desenvolvedor avanzado e non sabía case nada da API UNO de LibreOffice antes de comezar. Apoiouse en ChatGPT para entender esa API e implementar o código, mentres el definía a arquitectura, as funcións e os requisitos do proxecto. O que comezou como un experimento persoal —tan básico que a interface web nin sequera tiña botón de retroceso— acabou convertido nunha extensión completa con interface pulida, código QR, soporte IPv6, servidor de retransmisión, LocalTunnel, localización e documentación. Publicala no sitio oficial de Extensións de LibreOffice, ademais, resultou máis doado do que esperaba: en cousa dun día xa estaba dispoñible para todo o mundo.
Como se pode colaborar
O código fonte e o seguimento de incidencias están abertos en GitHub, con modelos preparados para informar de erros, propor melloras ou enviar cambios. O autor desenvolve e proba principalmente en macOS e iPhone, polo que as probas en Windows e Linux que fixo até agora foron en condicións pouco realistas (máquinas virtuais, escritorio remoto, un Windows Server sen interface gráfica…). Por iso pide especialmente que a comunidade probe en equipos reais con Windows e Linux.
O que naceu como un capricho persoal de Yarkın aspira agora a converterse nunha ferramenta fiable para que calquera usuario ou organización que traballe con LibreOffice poida presentar as súas diapositivas con total confianza, mando en man.
Fonte: https://es.blog.documentfoundation.org/nueva-extension-de-libreoffice-impress-remote/
