Un artigo publicado no blog en español de The Document Foundation, escrito por Italo Vignoli, repasa unha pregunta que parece sinxela pero que ten moita miga: cando podemos dicir que un formato de documento é verdadeiramente aberto? A resposta non é só técnica, tamén é legal e política, e ten consecuencias directas para calquera administración, empresa ou persoa que queira gardar os seus ficheiros sen depender dun único fabricante.

Catro condicións para falar de apertura real
Segundo organizacións de referencia como a Open Knowledge Foundation ou a propia Unión Europea, un formato só merece o cualificativo de “aberto” se cumpre catro requisitos:
- Especificación pública: as regras completas do formato están publicadas e calquera pode consultalas sen atrancos.
- Libre de regalías: ningunha patente ou pago por licenza pode impedir que se desenvolva software compatible.
- Non discriminación: calquera persoa pode usar o formato para o que queira, sen pedir permisos especiais.
- Gobernanza independente: as actualizacións futuras están en mans dun organismo de normalización transparente e sen ánimo de lucro.
A estes catro criterios engádense dous marcos de referencia recoñecidos: a Open Definition, que fixa os requisitos legais e técnicos para considerar aberta unha obra, e o European Interoperability Framework (EIF) da UE, que esixe ás administracións públicas empregar formatos verdadeiramente abertos nos seus documentos.
ODF contra OOXML: dous ISO, dous mundos distintos
Tanto o Open Document Format (ODF) —o formato de LibreOffice e OpenOffice— como o Office Open XML (OOXML) —o de Microsoft Office— son estándares oficiais ISO. Pero iso non significa que sexan igual de abertos na práctica.
ODF foi deseñado desde cero como unha especificación XML limpa e moderna. As súas regras están escritas nun esquema XML Relax NG, son concisas e calquera as pode consultar sen esforzo. Está xestionado de forma neutral por OASIS, sen que ningunha empresa concreta teña influencia especial sobre o seu futuro. E o máis importante: pode implementarse en igualdade de condicións tanto en software libre como privativo, sen medo a demandas por patentes.
OOXML, en cambio, arrastra un problema de orixe: naceu para representar en XML os antigos formatos binarios de Microsoft Office, e iso nótase. A súa especificación supera as 6.000 páxinas e inclúe mecanismos herdados e fragmentados. Divídese en dúas variantes, Strict e Transitional, sendo esta última —a que Microsoft Office xera por defecto— descrita polo propio blog de The Document Foundation como “un enorme catálogo de funcións de compatibilidade, elementos obsoletos e comportamentos específicos de determinadas plataformas”, con referencias a peculiaridades non documentadas de versións de Office da década de 1990.
O problema legal: unha promesa, non unha licenza
Máis alá da complexidade técnica, hai unha diferenza legal de fondo. ODF utiliza un marco xurídico estándar, totalmente compatible co software de código aberto: calquera pode implementalo sen temer litixios por patentes.
OOXML, pola súa banda, depende da Microsoft Open Specification Promise (OSP), un compromiso unilateral da propia Microsoft de non demandar por certas patentes. O problema é que esa protección só cobre aos desenvolvedores mentres a súa implementación reproduza fielmente a especificación oficial. Calquera desviación, extensión ou caso límite definido pola propia implementación podería quedar fóra desa protección xurídica. Non é o mesmo que unha licenza libre de verdade.
A isto súmase que OOXML mantén elementos moi ligados ao ecosistema Windows, o que dificulta que outras plataformas interpreten correctamente documentos con compoñentes herdados dos antigos formatos binarios ou definicións privativas incrustadas no propio ficheiro. ODF, pola contra, evita esas dependencias, o que permite que aplicacións independentes como LibreOffice ou Apache OpenOffice interpreten e representen os documentos de xeito uniforme.
Unha definición legal que xa se aplica: o caso italiano
O artigo achega ademais un exemplo práctico de como estes principios xa aterraron na lexislación. As directrices Linee guida su acquisizione e riuso di software per le pubbliche amministrazioni, publicadas pola axencia italiana AgID en 2021, definen no seu glosario o “formato aberto” como un formato de datos público, versionado, completamente documentado e sen restricións para a súa implementación, recoñecido por un organismo de normalización e mantido de forma colaborativa mediante un proceso transparente.
O relevante é que estas directrices non son unha simple recomendación técnica: foron adoptadas en aplicación directa do Codice dell’Amministrazione Digitale italiano (artigos 68 e 69) e substitúen a normativa anterior. É dicir, en Italia a definición de formato aberto ten forza de lei para a administración pública, non é só unha boa práctica.
Por que importa isto
O artigo conclúe, en esencia, que aínda que ODF e OOXML compartan o selo ISO, só ODF cumpre de forma íntegra os principios dun estándar verdadeiramente aberto desde o seu propio deseño. OOXML, pola contra, arrastra complexidades estruturais e xurídicas que en moitos casos dificultan unha apertura real. Para calquera administración pública ou organización que queira garantir o acceso aos seus datos a longo prazo, independencia tecnolóxica e non depender dun único provedor, a elección do formato de documento non é un detalle técnico menor: é unha decisión estratéxica.
