Mancomún

Collabora dá os primeiros pasos para levar o driver libre RADV a Windows

Luns, 31 Agosto 2026

Collabora, a coñecida consultora de software libre, vén de facer público un ambicioso proxecto experimental: portar RADV, o driver Vulkan de código aberto que Mesa desenvolve para as tarxetas gráficas AMD, ao sistema operativo Windows. O traballo, presentado nun artigo do enxeñeiro Louis-Francis Ratté-Boulianne, supón un novo fito na longa carreira de RADV, que xa é hoxe o driver Vulkan de referencia para AMD en Linux (ata o punto de que a propia AMD deixou de desenvolver a súa alternativa privativa para centrarse en Mesa).

Por que levar un driver de Linux a Windows?

En Windows, as persoas usuarias de tarxetas AMD só contan, por agora, co driver privativo do fabricante. Dispoñer dun driver Vulkan libre tamén nesta plataforma abriría a porta a vantaxes moi interesantes: compartir o mesmo código base entre sistemas operativos, facilitar a depuración e a experimentación, acelerar a corrección de erros e, sobre todo, permitir que a comunidade —incluídas as persoas que desenvolven videoxogos— poida reportar problemas e contribuír melloras que beneficien a todo o mundo, use o sistema que use.

Este proxecto non parte de cero. Retoma e amplía a investigación pioneira de Faith Ekstrand, quen xa demostrara en 2024 (nunha charla na XDC 2024) que era posible facer funcionar RADV en Windows. O equipo de Collabora colleu o testemuño con tres obxectivos claros: facer o driver máis flexible (que funcione en distinto hardware sen valores fixados a man), máis portable (sen depender de WSL, senón funcionando de xeito nativo en Windows) e moito máis estable (ata agora o sistema petaba aos poucos minutos de someterse a probas).

Melloras técnicas e un fito simbólico: Counter-Strike 2

Grazas a melloras na xestión dos fluxos de comandos e na sincronización, así como á incorporación de novas funcionalidades gráficas (sparse bindings, tessellation, task shaders e consulta dinámica das propiedades da GPU), o driver aínda non é totalmente conforme aos estándares Vulkan, pero mellorou moito a súa taxa de éxito nas probas. E o máis salientable: xa é posible executar un xogo real con RADV en Windows, nada menos que Counter-Strike 2, activando o renderizador Vulkan co argumento -vulkan.

Un proxecto aberto e con apoio da industria

O código deste traballo experimental xa está dispoñible publicamente nunha rama do repositorio de Mesa para quen queira botarlle un ollo ou colaborar. Collabora agradece ademais o patrocinio de Valve para esta fase do proxecto, que confirma o interese crecente da industria por levar os drivers gráficos libres máis alá de Linux e achegar todas as súas vantaxes tamén ás persoas usuarias de Windows.

Fonte: https://www.collabora.com/news-and-blog/news-and-events/cracking-windows-open-porting-radv-to-win32.html

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal