Mancomún

Euro-Office: suite ofimática europea e soberana

Xoves, 21 Maio 2026
Euro-Office: suite ofimática europea e soberana

Un grupo de empresas europeas lanzaron Euro-Office, un proxecto de código aberto que aposta por ofrecer unha alternativa real e transparente ás ferramentas de oficina tradicionais. A iniciativa nace en marzo de 2026 cun obxectivo claro: conseguir a independencia tecnolóxica dos ordenadores públicos da Unión Europea respecto a Microsoft Office.

Que é Euro-Office?

Euro-Office é un editor de documentos colaborativo en liña que permite traballar en tempo real con ficheiros de texto, follas de cálculo, presentacións e PDFs. O proxecto é compatible cos formatos máis usados: DOCX, PPTX, XLSX, PDF, ODT, ODS, ODP e TXT, entre outros. Non é unha aplicación independente, senón un compoñente deseñado para integrarse noutras plataformas dixitais como Nextcloud Hub, Proton Docs, XWiki ou OpenProject.

Está dispoñible a través da web e trabállase tamén en aplicacións para escritorio e móbiles.

Un ordenador con pantalla que mostra un documento ofimático aberto co título "O Nome da Súa Empresa" escrito no alto da páxina. O documento está cheo de texto e aparece en cor negra e vermella contra un fondo branco.

Por que un novo proxecto e non OnlyOffice?

Euro-Office baséase no código de OnlyOffice (baixo licenza AGPL), pero os seus creadores consideraron que non era posible colaborar directamente con esa empresa. As razóns expostas son variadas:

  • Contribuír é moi difícil: OnlyOffice raramente revisa ou acepta solicitudes externas de cambios no código. As instrucións para compilar o programa están desactualizadas ou directamente rotas.
  • Decisións controvertidas: a empresa pechou funcionalidades nas aplicacións móbiles, como a edición en dispositivos, e eliminou o panel de administración.
  • Falta de transparencia: as mensaxes de cambios no código remiten a un sistema de seguimento interno e privado. Hai numerosos fragmentos de código binario ou ofuscado, e moitos comentarios internos están en ruso.
  • Aplicacións móbiles non verdadeiramente libres: as apps de OnlyOffice para móbiles son simples envoltorios con seccións propietarias que haberá que reimplementar.
  • Orixe rusa da empresa: os desenvolvedores residen case en exclusiva en Rusia, o que xera desconfianza entre usuarios e administracións que requiren garantías sobre a independencia do software respecto a gobernos estranxeiros.

Un dos primeiros pasos do novo proxecto foi eliminar termos de licenza considerados “inviables e non obrigatorios” respecto á GNU AGPL. Os desenvolvedores de OnlyOffice responderon publicamente acusando o equipo de Euro-Office de violar a licenza, nunha polémica que puxo o proxecto no punto de mira da comunidade de software libre.

Quen está detrás?

logo en verde da aplicación

Euro-Office é unha iniciativa impulsada por un conxunto de empresas europeas: IONOS, Nextcloud, Eurostack, XWiki, OpenProject, Soverin, Abilian e BTactic, entre outras. O proxecto está aberto a novas incorporacións de organizacións que queiran participar.

Como se goberna?

O proxecto segue un modelo de gobernanza aberta baseado no principio de “quen programa, decide”. As decisións tómanse por consenso entre os membros do proxecto en GitHub. Está en proceso de crear un comité directivo formal e transparente. Calquera persoa pode contribuír sen necesidade de ser membro: reportando erros, propoñendo funcionalidades ou enviando código.

Para converterse en membro do proxecto é necesario ter feitas entre tres e seis contribucións significativas ao longo duns meses, coa aprobación dos membros existentes.

Só para europeos?

Non. Aínda que o nome e a motivación son europeos, Euro-Office é un proxecto de código aberto internacional. Calquera persoa de calquera lugar do mundo pode usar o software baixo os termos da licenza AGPLv3 e contribuír ao seu desenvolvemento. O código avalíase polo seu valor técnico, non pola procedencia de quen o escribe.

En resumo

Euro-Office chega como resposta á necesidade dunha ferramenta ofimática moderna, realmente libre e transparente, que funcione ben cos formatos de Microsoft e que poida integrarse en plataformas colaborativas europeas. O seu desenvolvemento é público, a licenza é libre e a porta está aberta a calquera que queira participar.

Máis información e código dispoñible en: https://github.com/Euro-Office

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal