A Asociación GPUL (Grupo de Programadores e Usuarios de Linux) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) lanzan unha nova edición do Premio ao Mellor Traballo de Fin de Estudos Libre, destinado ao estudantado galego que defenderá o seu TFG, TFM ou Proxecto Intermodular de Ciclo Formativo durante o curso 2025-2026.

Un premio con historia, agora tamén para FP
Este recoñecemento naceu en 2007 grazas á iniciativa da empresa galega Igalia, que detectou a escaseza de profesionais especializados en software libre e quixo contribuír a paliala. Desde 2012 forma parte do Plan de Acción en materia de Software Libre da Amtega, e nesta edición estrena unha novidade importante: por primeira vez está aberto aos estudantes de Ciclos de Formación Profesional, ademais dos universitarios de grao e mestrado.
Desde 2024, o premio leva o nome de «Premio Especial Alejo Pacín Jul» en homenaxe a un activista do software libre, membro de GPUL e tradutor no Proxecto Trasno, falecido en 2023, que gañou o propio premio en 2018 cun proxecto inspirado na súa paixón pola gaita.
Quen pode participar?
Pode presentarse calquera estudante do Sistema Educativo Galego que teña defendido o seu traballo final cunha nota mínima de 5,0 en calquera convocatoria (ordinaria ou extraordinaria) do curso 2025-2026, sempre que o proxecto cumpra estes requisitos:
- Que sexa realizado cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación.
- Que o software desenvolvido durante o mesmo teña unha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative.
- Que o código fonte do traballo universitario se atope dispoñíble nun repositorio público para poder ser descargado e estudado.
- En caso de utilizar un modelo de intelixencia artificial, este deberá ser libre e adestrado con datos libres, ou ofrecer a posibilidade de usar un destas características.
Tamén se valoran os proxectos que incorporen hardware libre.
Como participar?
O prazo de inscrición pecha o 4 de outubro. Para presentar a candidatura hai que:
- Cubrir o formulario de inscrición.
- Entregar unha memoria de ata 10 páxinas que explique os aspectos de software libre do proxecto e a súa actividade pública: repositorios, difusión, colaboración con comunidades, licenza escollida e motivacións, etc.
O que se premia, en esencia, non é só a calidade técnica do traballo, senón o proceso de liberación e a participación na comunidade do software libre.
Que se valora e que se gaña?
O xurado, formado por representantes das universidades galegas e da Formación Profesional con vinculación ao software libre e elixidos por sorteo, valorará:
- A actividade pública do proxecto (publicacións, colaboracións, creación de comunidade).
- O uso correcto dunha licenza libre.
- A calidade técnica dentro do nivel educativo.
Os proxectos finalistas deberán facer unha presentación oral ante o xurado durante o mes de outubro, onde poderán ser preguntados sobre o seu traballo.
O fondo de premios inclúe:
- Un Notebook Slimbook (8 GB RAM, 500 GB)
- Un Home Assistant Green
- 750€
Os gañadores elixirán por orde de clasificación.
Por que importa este premio?
Máis aló dos premios materiais, esta iniciativa busca achegar o estudantado galego ao ecosistema do software libre, abrirlle portas no mercado laboral TIC e poñer en valor o traballo académico que contribúe ao coñecemento compartido. Nunha área en crecemento constante, apostar polo software libre é apostar por un modelo tecnolóxico ético, sostible e con futuro.
Toda a información e o formulario de inscrición están dispoñibles en premio.gpul.org.
