A cidade de Múnic (Baviera, Alemaña) deu un paso decisivo cara á soberanía dixital: a nova coalición de goberno municipal asinou un acordo polo que o software de código aberto pasará a ser o estándar en todas as compras e contratacións informáticas do concello.

Voltar ás orixes do código aberto
Non é a primeira vez que Múnic toma este camiño. En 2006, a cidade comezou a implantar LiMux, unha distribución Linux baseada en Ubuntu e adaptada ás súas necesidades, que chegou a funcionar en máis de 14.800 ordenadores. Con todo, ao cabo dunha década, o concello decidiu dar marcha atrás e volver a Windows.
Agora, coa chegada dun novo equipo de goberno, a cidade retoma a senda do software libre con máis forza ca nunca.
“Cartos públicos, código público”
O acordo asinado pola nova coalición sitúa a soberanía dixital no centro da modernización administrativa. O principio que guía esta estratexia é o de “Public Money, Public Code” (Cartos públicos, código público): todo o software financiado con diñeiro dos contribuíntes deberá estar dispoñible para a cidadanía.
Para facelo posible, o concello reforza a súa Oficina de Programas de Código Aberto (OSPO), posta en marcha en 2024, co obxectivo de construír unha infraestrutura tecnolóxica libre das ataduras dos provedores propietarios, baseada en estándares abertos e interoperables.
Aforro e independencia tecnolóxica
Entre as razóns que esgrime o novo goberno para dar este paso figuran o aforro en costosas licenzas de software e a eliminación da dependencia dun único provedor (vendor lock-in), o que lle dará á cidade maior capacidade de decisión e control sobre a súa propia tecnoloxía.
Múnic, sumada á marea europea polo software libre
Esta decisión non é illada. Múnic únese a unha corrente cada vez máis ampla en Europa, impulsada en boa medida polo deterioro das relacións entre a UE e a administración Trump nos Estados Unidos:
- O goberno alemán anunciou en marzo de 2026 que todos os documentos do sector público deberán emitirse en formatos abertos, excluíndo o uso de Microsoft Word e outros formatos propietarios.
- O estado alemán de Schleswig-Holstein informou en 2025 de que o 80 % dos postos de traballo da administración autonómica xa migraron de Microsoft a alternativas libres.
- A comezos de 2026, Francia e Suíza tamén anunciaron plans para abandonar Microsoft e pasarse a solucións como Linux.
