Mozilla lanzou Firefox 153, unha nova versión estable que chega cargada de funcións que muitos usuarios levaban tempo pedindo. Entre as actualizacións destacan a reprodución de vídeo en HDR en Windows, unha ferramenta para unir varios documentos PDF sen instalar nada máis, e a posibilidade de compartir calquera páxina web a través dun código QR xerado polo propio navegador.

Máis calidade de imaxe para quen teña un bo monitor
Se tes un monitor compatible con HDR e usas Windows, Firefox 153 permíteche gozar de contidos de vídeo cun rango dinámico moito máis amplo e cores máis fieis. Iso si, para notar a diferenza necesitarás tanto o hardware axeitado como que o propio contido estea preparado para HDR.
Adeus a apps externas para unir PDF
Ata agora, se querías xuntar varios PDF nun só documento, tiñas que tirar dun programa á parte ou dalgún servizo web (con todo o que iso implica en canto a privacidade). Firefox 153 resolve isto integrando a función directamente no seu visor de PDF: agora podes combinar varios ficheiros nun único documento sen saír do navegador nin ceder os teus datos a terceiros. Un exemplo máis do enfoque de Mozilla, que aposta por meter funcionalidades útiles dentro do propio navegador en lugar de depender de ferramentas externas.
Comparte páxinas cun simple código QR
Outra novidade moi práctica: xa podes xerar un código QR desde a barra do navegador para enviar unha páxina web a outro dispositivo. Abonda con escanealo co móbil ou a tableta para abrir esa mesma ligazón, o que fai moito máis doado pasar unha web do ordenador ao teléfono (ou viceversa) sen ter que copiar enlaces nin usar aplicacións de terceiros.
E ademais…
Firefox 153 tamén trae soporte experimental para JPEG XL, un formato de imaxe que promete mellor compresión e calidade fronte a JPEG ou WebP. A isto súmanse novas accións rápidas na barra de direccións e melloras pensadas para desenvolvedores web, con maior compatibilidade con CSS, HTML e JavaScript modernos.
Como en cada versión, tampouco faltan as correccións de erros, melloras de estabilidade e parches de seguridade que Mozilla vai afinando lanzamento tras lanzamento.
Con esta actualización, Firefox segue sen perder de vista o que máis lle importa: rendemento, privacidade e respecto polos estándares abertos da web.
