GALPon botou a andar TubeLibre, unha nova plataforma galega de vídeo que nace co obxectivo de dar cobertura ás gravacións de eventos e proxectos vencellados ao software libre e á cultura aberta, sen depender dos servidores doutras entidades ou persoas voluntarias.

A idea xurdiu por unha necesidade moi concreta: publicar as gravacións do Congreso esLibre, celebrado o 17 e 18 de abril en Melide. Para resolvelo, as empresas galegas Librebit e Aitire puxeron a disposición do proxecto o espazo de aloxamento, mentres que persoas voluntarias de GALPon se encargaron de montar e configurar todo. O resultado foi bautizado como TubeLibre, aproveitando o dominio tube.libre.gal, e defínese como unha “plataforma de vídeo libre, galega e federada para a divulgación e o coñecemento aberto”.
Baseada en PeerTube, sen algoritmos nin rastrexo
Por baixo, TubeLibre funciona grazas a PeerTube, un software libre desenvolvido pola asociación francesa Framasoft. Isto garante total independencia da plataforma: non hai algoritmos que decidan que se debe ver, nin ningún tipo de rastrexo das persoas usuarias.
Unha das grandes vantaxes de PeerTube é a federación: mediante o protocolo aberto ActivityPub, TubeLibre queda interconectada con outras instancias de PeerTube en todo o mundo, formando unha gran rede de plataformas autónomas pero conectadas entre si, onde se pode buscar contido dende un único buscador.
Un espazo para a cultura libre galega
TubeLibre ponse a disposición de entidades e colectivos que traballen a prol da cultura libre en Galicia. Iso si, como o espazo de aloxamento non é ilimitado, de momento resérvase para contidos de carácter divulgativo e formativo; calquera outro uso habería que consultalo previamente co equipo de GALPon.
Quen estea interesado en publicar na plataforma pode contactar con GALPon a través da páxina de contacto de TubeLibre, por correo electrónico ou polas redes sociais, para acordar a creación dunha conta.
Estrea por todo o alto co esLibre_26
A canle esLibre_26 xa está dispoñible en TubeLibre e conta con 47 vídeos, varias horas de gravacións, cos relatorios, salas e obradoiros que tiveron lugar durante os dous días do congreso en Melide.
O proxecto agradece a colaboración desinteresada de todas as persoas e entidades que o fixeron posible.
