O estado alemán de Mecklemburgo-Pomerania Occidental (Mecklenburg-Vorpommern) acaba de darlle unha nova volta á súa aposta polo software libre: substituíu Microsoft SharePoint por Nextcloud, un xestor de ficheiros colaborativo de código aberto que xa está a funcionar para preto de 5.000 empregados públicos.

E isto é só o comezo. O obxectivo é chegar a 50.000 traballadores do sector público, desde ministerios ata concellos, ao longo dos vindeiros meses. Polo momento, Nextcloud xestiona sobre todo o intercambio de ficheiros, pero xa se anuncian novas funcións como chat, videoconferencia e ferramentas de traballo en grupo. De toda a implantación encárgase DVZ M-V, o provedor de servizos TIC do propio estado.
O responsable de tecnoloxía do estado (CIO), Marco Anschütz, asegura que a migración destes primeiros 5.000 postos foi un éxito, sen cortes de servizo nin perda de datos: “Xunto con DVZ M-V, construímos unha plataforma que funciona con fiabilidade hoxe e que se vai ampliando paso a paso”.
Non só Nextcloud
A aposta por ferramentas libres non se queda no xestor documental. Mecklemburgo-Pomerania Occidental tamén usa OpenProject como alternativa ás aplicacións privativas de xestión de proxectos, e mesmo desenvolveu o seu propio asistente de intelixencia artificial para a administración, chamado LEA, baseado en OpenWebUI.
Unha alianza entre dous estados
O estado non camiña só neste proceso. En 2025, o seu Ministerio de Facenda e Dixitalización asinou un acordo de cooperación co Goberno rexional de Schleswig-Holstein co obxectivo explícito de reforzar a soberanía dixital en ambos territorios.
E precisamente Schleswig-Holstein é xa un referente en Europa en materia de código aberto na administración pública: moitos dos seus organismos migraron o correo electrónico fóra de Microsoft Exchange e Outlook, fixeron obrigatorio o uso de LibreOffice en toda a súa administración, e prevén aforrar máis de 15 millóns de euros anuais en licenzas grazas a estes cambios.
Un impulso que vén de arriba
A nivel de todo o país, o Goberno federal alemán tamén está a tirar na mesma dirección coa chamada Deutschland-Stack, un marco de infraestrutura dixital soberana que limita a administración pública a só dous formatos de documento, ODF e PDF/UA, deixando fóra por completo os formatos propietarios de Microsoft (.doc, .ppt, .xls). Esta estratexia favorece ademais as ferramentas de código aberto e os provedores europeos fronte aos xigantes tecnolóxicos estranxeiros, coa idea de reducir a dependencia destes últimos e reforzar a soberanía dixital do sector público.
Iso si, cómpre matizar o titular: Mecklemburgo-Pomerania Occidental non rompe relacións con Microsoft de xeito total. Por agora, o que se abandona é SharePoint; o resto do que poida seguir usando a administración non forma parte deste anuncio.
Aínda así, pasar de 5.000 a máis de 50.000 empregados é un reto maiúsculo, e o feito de que dous estados estean a coordinar este camiño en conxunto, en vez de migrar cada un pola súa conta, pode converter esta alianza nun modelo a seguir por outros estados alemáns.
Fonte: It’s FOSS
