Un equipo de docentes da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense (UVigo) vén de publicar unha guía pensada para que calquera persoa, sen coñecementos previos, poida converterse nunha experta no manexo de Linux, un dos sistemas operativos libres máis empregados do mundo.

O manual, titulado “Linux dende cero. Guía básica por sesións”, está editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo e asinado por María Encarnación González, Lorena Otero, David Rodríguez e Francisco Javier Rodríguez, todos eles membros do Laboratorio de Intelixencia Artificial Aplicada e do Grupo de Innovación en Simuladores e Intelixencias Artificiais Xenerativas da UVigo. O libro é froito da longa experiencia deste equipo na docencia de sistemas operativos e administración de sistemas Linux.
As autoras e autores explican que aprender a manexar Linux “supón un paso esencial cara a comprensión do funcionamento interno das computadoras”, xa que ofrece ao usuariado un control total sobre os seus propios equipos. Por iso, a guía busca ofrecer “un recurso práctico, accesible, claro, rigoroso e completamente en galego” para achegarse a este sistema operativo, cun enfoque progresivo que permite tanto iniciarse coma afondar nas ferramentas e comandos máis importantes.
O manual organízase en sete sesións que van medrando en dificultade, de xeito que “cada sesión constrúe sobre a anterior, garantindo unha curva de aprendizaxe natural e sen saltos abruptos”. Comeza polo máis básico —a conexión ao sistema, os primeiros comandos, o sistema de ficheiros, a navegación por directorios, a xestión de arquivos e as conexións remotas— e inclúe tamén unha sesión completa dedicada ao editor de texto Vi, unha ferramenta imprescindible en calquera contorna Linux.

Nas sesións máis avanzadas abórdanse cuestións como os permisos de ficheiros, as expresións regulares, a redirección de entrada e saída, a compresión de arquivos e a xestión de procesos. O libro péchase con dúas sesións centradas na programación en shell, desde a creación de scripts e o uso de variables e estruturas de control ata o deseño de funcións reutilizables.
Con esta publicación, o profesorado pon a disposición de calquera persoa interesada —estudantado ou público en xeral— unha ferramenta de referencia en galego para iniciarse no software libre desde os seus fundamentos.
Fonte: codigocero.com
