Mancomún

Suíza mira cara ao software libre para gañar soberanía dixital

Mércores, 29 Xullo 2026
Suíza mira cara ao software libre para gañar soberanía dixital

Suíza quere depender menos das grandes tecnolóxicas estranxeiras e está a apostar polo software libre como parte da súa estratexia de soberanía dixital. Así o confirmou este ano un portavoz da Cancelaría Federal, que explicou que a administración federal “traballa para reducir progresivamente a súa dependencia a longo prazo do software propietario”.

Unha perspetiva urbana cunha igrexa cunha alta torre na beira da esquerda da imaxe. Ao fondo, montañas cubertas de neve ergúense contra un ceo laranxa, creando contrastes entre o ambiente urbano e a beleza natural. Os edificios en primeiro plano son de gris escuro, mentres que os máis lonxanos presentan cores máis claras que se funden cuns tonos cálidos do atardecer.

Que é a soberanía dixital para Suíza

Alexander Barclay, responsable de Transformación e Interoperabilidade da Administración Federal Suíza, resume a idea de forma sinxela: a soberanía dixital consiste en que o goberno poida cumprir a súa misión esencial sen depender dun provedor ou país externo. Segundo Barclay, non se trata dun obxectivo pechado nin de todo ou nada, senón dun proceso continuo para atopar solucións viables en todos os ministerios.

O código aberto encaixa perfectamente nesta filosofía: ao ter acceso ao código fonte, a administración pode manter en funcionamento os seus sistemas aínda que un provedor decida marchar do mercado ou deixar de dar soporte.

Un marco legal que xa vén de atrás

Este xiro cara ao open source non nace da nada. En decembro de 2025 formalizáronse unhas “Directrices para a soberanía dixital do goberno federal”, cun total de seis puntos que marcan como deben deseñarse tódolos proxectos dixitais da Confederación.

Estas directrices veñen sumarse á Lei Federal sobre o Uso de Medios Electrónicos para o Desempeño das Tarefas das Autoridades (coñecida polas súas siglas en francés, LMETA), en vigor dende 2023. Esta lei xa obrigaba ás autoridades federais a publicar por defecto o código fonte do software que desenvolven, salvo que existan dereitos de terceiros ou razóns de seguridade que o impidan. É, en certo modo, a aplicación práctica do principio de “diñeiro público, código público”.

Un proxecto piloto en marcha

Máis alá da teoría, Suíza xa está a probalo sobre o terreo. O país está a rematar unha proba piloto que consiste en substituír unha suite ofimática propietaria por unha alternativa de software libre para 300 funcionarios públicos. Os resultados desta proba publicaranse nun informe clave previsto para o verán de 2026.

O obxectivo desta experiencia é claro: mellorar a eficiencia dos servizos públicos e garantir a confidencialidade dos datos, sen depender de xeito desproporcionado dun único provedor ou país externo. Se todo vai ben, o goberno suízo prevé estender esta solución a uns 3.000 traballadores públicos en toda a administración federal.

Barclay insiste en que o cambio non pode quedar só en trocar unha licenza por outra: cómpre tamén formar ao persoal para que non sexan meros usuarios, senón que sexan quen de executar e depurar o propio software. Iso permitiría á administración participar en comunidades de desenvolvemento e mellorar a interoperabilidade entre sistemas. E engade unha idea importante: a razón para abandonar o software propietario e as licenzas de pago non pode ser só económica, senón tamén unha cuestión de resiliencia.

Suíza non vai soa: mirando ao resto de Europa

O caso suízo non é illado. O país está a seguir de preto o que están a facer outros veciños europeos: Francia, co seu proxecto LaSuite e o recente anuncio da DINUM de migrar a Linux; Italia, co seu Catálogo Developers Italia; e Alemaña, co proxecto ZenDis. Barclay tamén cita expresamente o caso de Schleswig-Holstein (Alemaña) como exemplo do que se pode aprender doutras administracións públicas que xa están en pleno proceso de transición ao software libre.

Para Barclay, a cooperación entre países nesta fase inicial é fundamental: “isto non é un xogo de suma cero, todos saímos gañando”. Iso si, remata cunha advertencia clara: a base legal debe ir sempre por diante. Grazas á lei LMETA de 2023, o principio de “diñeiro público, código público” deixou de ser unha simple aspiración para converterse nunha obriga legal en Suíza.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal