O 30 de setembro terá lugar na Illa de San Simón a GeoCamp ES 2023. Un congreso nacional do colectivo internacional Geoinquietos.

Geoinquietos son grupos informais que se reúnen para conversar e aprender sobre calquera tema relacionado coas ciencias da terra. A comunidade Geoinquietos sente especial afinidade pola enorme cantidade de servizos de xeodatos abertos dispoñibles na internet como os servizos INSPIRE, proxectos comunitarios como OpenStreetMap e a enorme oferta de software libre de calidade profesional usada mundialmente en toda clase de servizos e aplicacións SIG, especialmente ao redor da comunidade OSGeo.

Este congreso é sen ánimo de lucro, de asistencia gratuíta e autofinanciado. Este ano, o formato de GeoCamp é o de Open Space: todos os participantes toman un papel activo na execución do evento para aumentar a interacción entre os asistentes de ti a ti (en lugar do modelo tradicional de conferencia de comunicación dun a moitos) para ser capaces, con axilidade e improvisación, de satisfacer espontaneamente as inquietudes dos participantes, tanto as que traian de casa como as que xurdan durante a xornada.

Podes seguir a GeoCamp en Twitter (@GeoCampES) e nun grupo de Telegram.