Microsoft deixa atrás outra aplicación e, con ela, millóns de documentos. A comunidade do software libre ofrece unha saída aberta e gratuíta.
Microsoft Publisher sumouse á longa lista de aplicacións que Microsoft abandona. Quen contrate unha subscrición a Microsoft 365 xa non poderá abrir os seus ficheiros PUB, e o mesmo lles pasa a quen use Office LTSC 2021 e Office 2021. É un novo exemplo das actualizacións forzosas e dos abandonos de produto cos que a compañía levou a millóns de persoas usuarias ao longo dos anos.

Un problema serio para moita xente
Durante máis de trinta anos, escolas, parroquias, asociacións, pequenas empresas e administracións locais fixeron con Publisher boletíns, folletos, programas, carteis e calendarios. Todo ese traballo está agora gardado nun formato privativo, e a única aplicación que o soportaba por completo foi abandonada pola mesma empresa que a creou.
A «solución» de Microsoft, que non o é tanto
Microsoft propón converter os ficheiros PUB a PDF para velos e imprimilos, e a DOCX para editalos. Pero ningunha das dúas opcións resolve o problema:
- PDF: mantén o deseño, pero non está pensado para editarse.
- DOCX: pódese editar, pero Word non é unha ferramenta de maquetación, así que os ficheiros complexos perden o formato na conversión.
En ambos os casos pídeselle á persoa usuaria que pase o seu contido dun formato privativo a outro igual de privativo, que ademais depende da mesma empresa. A razón de fondo é que os documentos se tratan como un subproduto da aplicación, e non como información que pertence a quen a creou. Para Microsoft é normal que o acceso ao contido desapareza coa aplicación. Ese feito debería facer saltar moitas alarmas, pero adoita pasar desapercibido, e hai quen di que non lle afecta.
A comunidade do software libre ten a resposta
Como o formato PUB non é un estándar aberto, o Document Liberation Project (Proxecto de Liberación de Documentos) fixo enxeñaría inversa sobre el e creou a biblioteca libmspub. LibreOffice e Scribus utilízana para importar ficheiros de Publisher. O obxectivo é que as persoas usuarias poidan seguir lendo os seus propios documentos, decida o que decida Microsoft.
Na práctica, isto permite:
- Abrir os ficheiros PUB con software libre e gardalos en ODF (Formato OpenDocument), o único formato estándar e aberto para documentos de oficina, que non depende de ningunha aplicación nin empresa concreta.
- Abrilos con Scribus, un programa de autoedición de código aberto que, iso si, non usa un formato de documento estándar.
- Usar LibreOffice Draw, a forma máis rápida de abrir, ver, editar e xestionar documentos de Publisher. Non é unha aplicación de autoedición, pero serve para documentos pequenos de varias páxinas, como boletíns, ou para documentos dunha soa páxina de calquera formato.
Unha lección para ter en conta
Publisher non é a primeira aplicación de Microsoft que desaparece, e seguramente non será a última. Cada vez xorde a mesma pregunta: quen controla o acceso aos meus documentos? Se o formato é privativo, o provedor. Se é un estándar aberto, como ODF, a persoa usuaria.
Quen xestione documentos nunha organización pública, unha escola ou unha asociación debería comprobar agora se os seus formatos son privativos e dependen dun único provedor, e planificar a transición a un formato estándar aberto mentres aínda sexa posible abrilos.
A comunidade de LibreOffice está aquí para axudar.
Fonte: artigo orixinal de Italo Vignoli, publicado no Blog da Comunidade Hispana de The Document Foundation (https://es.blog.documentfoundation.org/libreoffice-al-rescate-de-los-usuarios-de-microsoft-publisher/), 14/10/2026.
