Luxemburgo ten previsto publicar dous servizos de chat, multiplataforma e de software libre, ao longo deste ano, co obxectivo de achegar seguridade á comunicación almacenando as mensaxes cifradas dentro da nación. Luxchat está destinado a residentes, viaxeiros transfronteirizos e empresas, mentres que Luxchat4Gov só estará dispoñible para funcionarios públicos.
Segundo o Goberno luxemburgués, os servizos de Luxchat son o resultado do conxunto de proxectos do Ministerio de Dixitalización do país que impulsan a seguridade dos datos e a soberanía dixital da nación. Luxemburgo, o terceiro país europeo en implantación da administración electrónica, ten unha longa tradición no uso do sofware libre. O OSS incorporouse oficialmente ao programa gobernamental en 2018.

Os servizos Luxchat proporcionan cifrado de extremo a extremo e conservan todas as mensaxes en servidores descentralizados situados en Luxemburgo. Luxchat e Luxchat4Gov ofrecerán as mesmas características, pero as infraestruturas mantéñense separadas, xa que a versión gobernamental está destinada ao uso profesional no sector público.
As aplicacións funcionan en Android, iOS e navegadores. Ambos servizos ofrécense gratuitamente.
Luxchat utiliza o estándar aberto e o protocolo Matrix para a comunicación en tempo real. A especificación Matrix permite un intercambio de mensaxes interoperable, descentralizado e seguro. Luxemburgo segue os pasos das forzas armadas e a sanidade alemás, o Goberno francés e varios axentes do sector público sueco na implantación dun sistema baseado en Matrix.