Panoramax, plataforma libre de imaxes a pé de rúa, xa ten máis de 85 millóns de fotografías e unha comunidade de máis de 1.800 persoas colaboradoras.

Que é Panoramax?
Imaxina unha alternativa libre, aberta e soberana aos servizos de fotografías de rúa que todos coñecemos. Iso é Panoramax. Naceu en 2022 da man do Instituto Nacional de Información Xeográfica e Forestal de Francia (IGN) e de OpenStreetMap Francia, dentro da iniciativa Fabrique des Géocommuns (hoxe Fabrique de la Donnée Territoriale).
Os números falan por si sós: máis de 85 millóns de fotografías, máis de 494.000 millas (uns 800.000 km) cubertas e máis de 1.800 persoas colaboradoras.
Para que se usa?
Entre os seus usuarios hai sobre todo concellos e outras entidades públicas, ademais de empresas privadas especializadas en datos xeoespaciais. Moitas delas non só usan a plataforma, senón que tamén achegan contido. Empréganna para actualizar estradas, cartografar árbores urbanas, revisar carrís bici, manter bases de datos de enderezos ou xestionar nomes de rúas.
A vantaxe é clara: ao poñer en común os datos do territorio, conséguese información xeográfica de maior calidade, menos desprazamentos do persoal público e respostas máis rápidas á cidadanía e aos clientes. Ademais, o proxecto xa cruzou fronteiras, con servidores activos en Taiwán e Gales.
Esta historia forma parte da serie France’s Open Source Lab, da OSPO do goberno francés (DINUM), que documenta casos reais de software libre no sector público para que outras administracións poidan aprender deles.
Unha traxectoria dedicada aos bens comúns dixitais
Christian Quest, figura recoñecida do software libre, foi un dos pioneiros de Panoramax e hoxe responsable de produto no IGN.
A súa relación cos bens comúns dixitais vén de lonxe: comezou co directorio web comunitario DMOZ (1998-2017), sen saber aínda que aquilo tiña nome. «Simplemente gustábame o enfoque», lembra. Máis tarde colaborou na Wikipedia, cofundou OpenStreetMap Francia en 2011, traballou en Etalab (a unidade de datos abertos do goberno francés) na primeira base de datos nacional de enderezos abertos e foi asesor parlamentar e científico de datos na Asemblea Nacional.
En 2021 volveu a Etalab para recuperar unha vella idea: crear unha infraestrutura compartida para os «xeocomúns». Así naceu o proxecto que, tras unha votación comunitaria, se chamou Panoramax e arrancou en 2022 como startup de Estado.
Cando a tecnoloxía por fin alcanza a visión
Curiosamente, a idea non era nova. Quest propuxéraa ao IGN en 2012, pero daquela non saíu adiante: a tecnoloxía aínda non estaba madura para reunir unha masa crítica de colaboradores. «Hai proxectos que só poden lanzarse cando o contexto o permite», explica, e compara o caso con OpenStreetMap, que tampouco puido nacer antes de que o GPS deixase de ser de uso militar.
En 2022 todo encaixou, e o éxito de OpenStreetMap abriu o camiño: «Con Panoramax levamos seis meses en facer o que con OSM nos levou catro anos». Hai unha década, moita xente pensaba que era un soño imposible. «Demostramos con feitos que a utopía era alcanzable.»
Os retos de crecer sen perder a esencia
Agora, Panoramax afronta o desafío habitual dos bens comúns dixitais: medrar sen traizoar os principios que o fixeron triunfar.
Moitos datos e moitos servidores. Aloxar tantas fotos xa esixe terabytes e, co tempo, serán petabytes. Para non «poñer todos os ovos na mesma cesta», o proxecto é descentralizado: hai dúas instancias principais (IGN e OSM Francia) e servidores en Taiwán, Gales e outros lugares. Ata a Cidade de París estuda montar o seu propio. Un «metacatálogo» federa todas as fotos de todos os servidores, e o gran obxectivo é a expansión internacional, con delegacións locais apoiadas nas seccións nacionais de OSM e en administracións doutros países europeos.
Estándares comúns. Para que un sistema federado funcione, todos deben falar o mesmo idioma. Por iso Panoramax non inventa nada novo: as fotos son JPEG, a API segue o estándar STAC (Spatio-Temporal Assets Catalogue) e a comunicación usa HTTP.
Financiamento e goberno. Quen paga o mantemento a longo prazo? A resposta pasa por implicar máis actores. Está prevista a creación dunha Fundación Panoramax, na que estarán o IGN e OSM Francia, pero tamén cidades e entidades públicas e privadas de Francia e doutros países, algo que o modelo actual de startup de Estado non permite.
A comunidade: o verdadeiro motor
Máis alá da tecnoloxía, Panoramax vive das persoas. Quest, tras anos como colaborador, distingue tres perfís nos bens comúns:
- Teólogos: teorizan sobre os comúns, pero non se implican.
- Crentes: cren neles e falan deles, pero tampouco actúan.
- Practicantes: son quen contribúen con accións concretas.
Como convertelos? O seu consello é coidar as primeiras persoas colaboradoras: facelas participar, darlles voz e un papel, e recoñecer o seu traballo, porque a súa motivación é profundamente emocional. Un bo exemplo: a interface de Panoramax naceu en francés e inglés e hoxe está en 15 idiomas grazas a unha ferramenta de tradución colaborativa.
Para quen chega máis tarde, a motivación adoita ser un beneficio directo. Hai que atopar os argumentos concretos e quitar as barreiras que frean o salto. Eso si, sen caer no commons-washing nin prometer de máis: tamén cómpre ser transparentes sobre o que se pode perder en comodidade, hábitos ou funcións ao cambiar de ferramenta.
A lección final
Panoramax mostra que o éxito dun proxecto comunitario no sector público depende dun equilibrio entre contexto favorable, arquitectura aberta e interoperable, un goberno pensado para durar e, sobre todo, atención constante ás comunidades. Non é unha utopía irreal: construíuse con feitos, con apertura e con regras claras de reciprocidade. Como lembra a súa historia, os bens comúns dixitais non se impoñen por decreto: constrúense a longo prazo, con compromiso e coa infraestrutura adecuada.
Fonte: France’s Open Source Lab: Panoramax, from utopia to public infrastructure — Open Source Observatory (OSOR), Interoperable Europe.
