Mancomún
Mércores, 13 Maio 2026 | Jesús Amieiro, Jorge Lama

Mancomún Podcast – O galego chega ás pantallas dos teus aparellos grazas a persoas como Jesús Amieiro

Episodio 135

O novo episodio de Mancomún Podcast adéntrase no mundo da tradución de software libre ao galego.

Portada do episodio 135 do Mancomún Podcast: «Tradución de Software libre ao Galego, con Jesús Amieiro». Etiquetas: Software Libre, Galicia, Tradución. A imaxe inclúe os logotipos de WordPress e Firefox xunto a unha fotografía de Jesús Amieiro.

Cando abres o Firefox, cando xestionas o teu sitio web en WordPress ou cando recibes un correo en Thunderbird, é moi posible que o texto que aparece en galego teña detrás horas de traballo de voluntarios como Jesús Amieiro. Este enxeñeiro de telecomunicacións de Mondoñedo, afincado en O Porriño, é o protagonista do episodio 135 de Mancomún Podcast, onde nos conta como e por que leva anos poñendo o galego na pantalla de millóns de ordenadores en todo o mundo.

De usuario a tradutor, case sen darse conta

A historia de Jesús comeza, como tantas cousas na vida, por casualidade. Hai uns anos descubriu que o xestor de contrasinais KeePass non estaba en galego. “Dixen, ben, pois vou a ver como tecnicamente se fai”, recorda. Enviou a súa tradución por correo electrónico ao desenvolvedor do programa e xa non puido parar.

Pouco despois fixo o salto a WordPress, o sistema que hoxe en día alimenta o 42% de todos os sitios web do mundo. Ao ver que a tradución ao galego estaba incompleta, púxose mans á obra. E para ir máis rápido, creou el mesmo unha ferramenta que aproveitaba as traducións ao español como punto de partida, acelerando enormemente o proceso.

Un traballo con impacto global

O que fai Jesús e os poucos colaboradores que o acompañan pode parecer pequeno, pero o seu alcance é enorme. Só WordPress está traducido a máis de 200 linguas, e o 55% dos seus sitios funcionan nunha versión localizada, non en inglés. Iso significa que, aproximadamente, unha de cada catro páxinas web do mundo está nunha versión adaptada ao idioma local.

A tradución de software libre non é como traducir un libro. Alí tes contexto, párrafos enteiros que axudan a entender o sentido de cada frase. No software trabállase con cadeas curtas de texto —as mensaxes, os botóns, os avisos de erro— que ás veces aparecen sen ningunha explicación. “Hai palabras que me seguen resultando bastante chocantes”, confesa Jesús, e pon como exemplo tab, que en galego se traduce como lapela.

Como participar: máis sinxelo do que parece

A pesar do panorama, Jesús anima a calquera persoa a sumarse á tradución de software libre. Non fai falta ser informático nin ter coñecementos técnicos avanzados. Só é necesario coñecer ben o galego. As plataformas —translate.wordpress.org para WordPress e pontoon.mozilla.org para Mozilla— están deseñadas para ser accesibles, e sempre hai alguén dispoñible para axudar aos recén chegados.

Para quen prefira un primeiro contacto en persoa, o 18 de outubro haberá un Contributor Day na WordCamp Galicia, na Coruña, con mesas de traducións ao galego onde persoas con experiencia explicarán desde cero como colaborar.

Notas do episodio

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal