Continuamos coa sección onde publicamos, cada mes, unha infografía con entrevistas a mulleres relevantes no mundo tecnolóxico: Mulleres en Tech – Elas programan, elas deseñan.


Nesta segunda entrevista, falamos con Cris Barreiro:
– 3 cousas que che gustan de traballar no sector tecnolóxico?
1. A satisfacción de ver o meu traballo e as miñas aportacións en produtos e servizos que a xente do meu entorno e máis eu usamos a diario. Durante os anos que levo no sector traballei en múltiples proxectos relacionados co sector téxtil, sanitario, bancario, multmedia e do transporte. A sensación de abrir unha app para escoitar música ou orientarme nun aeroporto e saber que parte do meu traballo está aí é algo que me motiva no meu día a día.
2. Teño a sorte de traballar nunha industria na que cada día é un novo reto e sempre hai algo novo que aprender. Dende pequena fun o que se coñece como un cu inquieto, e coido que o sector tecnolóxico é o sector ideal para min polo motivador que resulta.
3. Coido que a comunidade é un aspecto moi importante e enriquecedor. Hai unha morea de persoas dispostas a compartir o seu coñecemento e axudar de forma altruísta mediante mentorías, charlas, obradoiros e demais. En xeral é sinxelo atopar persoas que te inspiren e axuden a medrar persoal e profesionalmente.
– Un consello para as mulleres que se queiran dedicar á tecnoloxía
Que non se dean por vencidas. O sector pode ser un pouco hostil ás veces e é relativamente fácil sentir que non é o noso lugar, pero ao mesmo tempo está cheo de persoas e iniciativas marabillosas. Diríalles que busquen a súa comunidade máis cercana de mulleres en tecnoloxía, que se acheguen aos seus eventos, e charlen con elas. Crear unha rede profesional pode ser de gran axuda.
– Futuro do software libre na túa área de traballo
O desenvolvemento Android sempre estivo vencellado a proxectos de código aberto, dende o propio sistema operativo a algunhas das librerías máis utilizadas, que grandes empresas puxeron á disposición da comunidade. Por outro lado, creo que as decisións que tome Google, como empresa detrás de Android, serán determinantes na dirección que tome a industria, pero son optimista e creo que as ferramentas e aplicacións de código aberto medrarán no futuro.
– Compañeira que admiras
Sabela Ramos.
#MulleresEnTech
Podes ver neste listado, o resto das nosas Mulleres en Tech publicadas anteriormente: