O pasado 6 de xuño, Santiago de Compostela acolleu unha nova edición da Maker Faire Galicia, a feira do facer, crear e compartir que xa leva doce edicións percorrendo a comunidade maker galega. Máis de 1.500 makers participaron ao longo dos anos neste evento que chega con proxectos de catro continentes e un espírito que non cambia: a tecnoloxía é para todas as persoas, non só para os expertos.

Un evento con raíces no coñecemento aberto
Enrique Saavedra, cofundador e organizador da feira e director da Academia VermisLab, resume a súa filosofía con claridade: “Isto non vai de vender. Simplemente esperamos que veñas, fales cos makers, que te inspires para facer o que fan e poder aprender.” Desde os seus inicios en 2015, a Maker Faire Galicia apostou por ampliar a visión do movemento maker máis alá da programación e a robótica, incluíndo artesáns, deseñadores e creadores de todo tipo.
O open source ten un papel central. Para Saavedra, “todo o coñecemento debe ser en aberto” e os proxectos deberían publicarse de forma libre.
A feira evolucionou e hoxe celébrase en tres xornadas ao longo do ano: a do 6 de xuño, centrada en emprendemento e innovación social; outra en outubro enfocada á industria; e unha terceira en novembro dedicada aos oficios tradicionais.
Impresión 3D ao servizo das persoas: o proxecto de COGAMI
Un dos proxectos máis emotivos da feira foi o de Alba, traballadora de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), que leva dez anos desenvolvendo produtos de apoio personalizados mediante impresión 3D para persoas con diversidade funcional. O seu traballo é un exemplo perfecto de como o hardware libre pode ter un impacto real na vida das persoas.
Como exemplo concreto, explicou o deseño dun vaso completamente personalizado para unha persoa con disfaxia e ataxia: cun asa de ángulo específico para facilitar o agarre, cunha escotadura para evitar atragantamentos e cun espazo na base para introducir pesos modulables que estabilicen os movementos involuntarios. “Eses produtos non existen no mercado”, subliñou.
O máis destacable é que todos os modelos son abertos: cando existen deseños previos en repositorios públicos, modifícanos para adaptalos e vólvenos subir para que calquera poida beneficiarse. Cando os crean desde cero, tamén os liberan. Para as persoas beneficiarias, os produtos son totalmente gratuítos.
OpenLapRace e Scandlive
Jordi RC leva desde 2015 no mundo maker e participou na Maker Faire desde 2016 coa asociación Ponte Maker. Esta edición presentou dous proxectos open source de Gerardo Barbarov: OpenLapRace, sistema de cronometraxe para circuítos de coches teledirixidos xa replicado por toda España e parte do mundo, e Scandlive, un proxecto novo no que os nenos colorean un debuxo que despois é escaneado por unha cámara web e cobra vida en pantalla grazas ao software Processing.
Preguntado polo estado actual do movemento open source, Jordi foi honesto: “Segue vivo e segue funcionando, o que pasa é que xa non é tan chamativo como hai dez anos.” O boom das impresoras 3D e a democratización da tecnoloxía fixeron que moita xente compre sen necesidade de entender ou reparar. Ademais, a dispersión nas redes sociais fragmentou as comunidades que antes facían “piña”. Un reto engadido é o relevo xeracional nas asociacións makers: “Créase unha asociación, temos moita ilusión, imos a moitos eventos, pero co paso dos anos esa xente deixa de ter tempo libre, por ter fillos, traballo, familia.”
Con todo, Jordi mantén a esperanza: “A miña filla ten 11 anos, está aquí axudando e presentando os proxectos.”
E-textiles e Arduino
David Ballesteros conduciu talleres de e-textiles e Arduino durante a xornada. A proposta de textiles intelixentes consiste en integrar placas programables na roupa para que se activen mediante xestos, movementos, botóns, luz ou cambios de temperatura, conseguindo efectos visuais ou sonoros. As placas utilizadas —Adafruit Circuit Playground Express, micro:bit e LilyPad— son deseños libres.
Pola tarde, o taller de Arduino de iniciación guiou aos asistentes desde os conceptos básicos ata a construción dun semáforo sensible a ultrasóns. Sobre a importancia histórica de Arduino, Ballesteros foi directo: “Foi a primeira placa libre programable de microelectrónica, barata, coa que podías facer cousas sorprendentes.” Sobre o impacto da intelixencia artificial na aprendizaxe da programación, apuntou que, se ben baixou a barreira de entrada, tamén hai risco de que a xente “quede acomodada” sen entender o que fai o código.
Un tradutor de lingua de signos desde a Universidade de Vigo
O proxecto máis ambicioso en termos técnicos foi o presentado por José Luis Alba Castro, catedrático do Departamento de Teoría da Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo, xunto co investigador Luis Ruanova Lea. O seu obxectivo: crear un tradutor de lingua de signos ao castelán que funcione cunha simple cámara de móbil.
O proxecto naceu durante a pandemia, cando as máscaras impedían ver a boca e as expresións faciais, elementos fundamentais para a lingua de signos. A solución técnica combina MediaPipe para extracción de puntos clave das articulacións e modelos de intelixencia artificial baseados en grafos para o recoñecemento dos signos. A primeira achega pública é un dicionario médico en lingua de signos, xa que moitos termos médicos son descoñecidos mesmo para persoas xordas.
Un aspecto destacable é o enfoque en privacidade: o sistema captura o vídeo pero extrae de inmediato as articulacións como puntos 3D, descartando a imaxe orixinal. O procesado posterior é totalmente anónimo. Os modelos desenvolvidos polo equipo son libres, aínda que MediaPipe —a ferramenta de Google— non o é, aínda que pode substituírse por alternativas libres.
A visión final é que calquera organismo público poida dispoñer dunha tablet con cámara para atender a persoas xordas en tempo real.
A Maker Faire Galicia demostrou unha vez máis que o software e hardware libre non son só ferramentas técnicas: son a base dunha forma de entender a tecnoloxía como ben común, accesible, reparable e ao servizo das persoas.
